BENVIDA




BENVIDAS E BENVIDOS Á NOSA BITÁCORA. OGALLÁ QUE VOS SEXA DE UTILIDADE.

31 ene 2010

DESENVOLVEMENTO DA UNIDADE DIDÁCTICA

Os obxectivos do trabalo eran:
- Coñecer qué significa o acoso escolar
- Identificar tipos de acoso escolar
- Saber como actuar en caso de acoso

ACTO DE LOITA CONTRA O ACOSO










Traballada a unidade didáctica, no centro celebramos un acto conxunto.

28 ene 2010

CRENZAS QUE FAN QUE MEDRE O ACOSO

CRENZAS QUE FAN QUE MEDRE O ACOSO


1. A mellor forma de defenderse do acoso é devolver as agresións que nos fan. Esta crenza é errónea, a violencia acostuma a xerar máis violencia e pode darlle a quen acosa a escusa perfecta para, á súa vez, seguir agredindo.
2. O acoso só se dá en ambientes marxinais. Non é real, o acoso ocorre sen a diferentes persoas, de ambientes diferentes, sexos diferentes, etnias diferentes.
3. O acoso só se dá en centros públicos. É unha crenza equivocada. O acoso pode estar solapado. Dáse igual nun tipo de centros que noutros.
4. A violencia entre iguais forma parte do crecemento das nenas e dos nenos e axúdalle a aprender a enfrontar as adversidades. Isto é falso, as vítimas convértense en persoas illadas, ansiosas, depresivas e as persoas que acosan en violentas, maltratadoras,... Non existe maduración correcta nin aprendizaxe positiva.
5. O maltrato é cousa de nenas e de nenos. Isto é presupoñer que é un xogo e que xa o resolverán soas e sós igual que resolven as rifas que teñen cando xogan. Non é así, precisan axuda para resolver o acoso.
6. A vítima merece ser acosada. Ninguén merece un acoso, sexa cal sexa o seu comportamento, o seu carácter ou a súa capacidade.
7. Só hai que axudar á persoa acosada. Falso. Hai que axudar a quen observa o acoso e tratar tamén a quen acosa, xa que en todas estas persoas un acoso pode ocasionar consecuencias futuras.
8. É mellor calar cando se observa ou se sofre un abuso. Falso, a “lei do silencio” favorece a quen acosa e perpetúa o acoso. O mellor que lle podemos ensinar é “non cales, denuncia, axuda”. Non existe a chivata e o chivato cando se denuncia un maltrato. Poñerse no lugar da vítima, amosar solidariedade e falar é o mellor xeito de evitar o acoso.
9. As persoas acosadas son tímidas e débiles. Non é así. A vítima pode ser calquera.
10. É unha broma. Non é verdade. Unha borma é un feito do que podemos rir todas as persoas, dun acoso sempre hai alguén que non ri. Non é divertido que alguén sufra humillación, violencia,....
11. A familia debe resolver o problema comentándoo coa outra familia. É un erro, é mellor atopar xeitos de mediación.
12. As persoas que acosan pertencen a clases baixas, a familias problemáticas. Non é certo, hai acosadoras e acosadores que pertencen a familias diferentes, clases sociais variadas,...
13. Se se deixa pasar o tempo o acoso pasará. Non é certo, por desgraza a situación agrávase co tempo. Hai que comentalo canto antes.
14. Se hai acoso, xa se enteran as familias e o profesorado. Non é certo, as situacións de acoso escolar son difíciles de detectar polas persoas adultas, hai que procurar que denuncien o caso, que o fagan visible.

23 ene 2010

PARA IDENTIFICAR O ACOSO


Un feito violento é un acoso cando:
a) Hai intención de facer dano
b) As condutas violentas son reiterativas e prodúcense durante un longo período de tempo
c) Hai desequilibrio de forzas: un persoa sitúase no nivel máis forte (a persoa acosadora) e a outra no máis débil (a vítima)

AS CONSECUENCIAS DO ACOSO ESCOLAR

As consecuencias do acoso son abondosas tanto para a vítima, as persoas colaboradoras ou observadoras e as que agriden. As consecuencias máis fortes son para a vítima.
Na vítima poden ter lugar consecuencias psicolóxicas e somáticas. Entre as primeiras están: tristeza, baixa autoestima, inseguridade, trastornos emocionais, ansiedade, fobias e medo, depresión, inhibición ou retraemento, pesadelos... Ademais acostuman producirse: pasividade, rexeitamento á escola, diminución no rendemento académico,... No plano somático atopamos: insomnio, dores de estómago e de cabeza, falta de apetito,...,
Nas persoas observadoras: tristeza, anguria, medo, culpabilidade, agresividade,…
Nas persoas acosadoras: problemas de convivencia, violencia, intolerancia, abuso da forza, autoritarismo extremo, falta de empatía,… As condutas acosadoras poden facerse crónicas, poden chegar converterse no xeito de resolver problemas ou acadar obxectivos e mesmo co tempo derivar a outro tipo de acosos.

19 ene 2010

O RAP CONTRA O ACOSO


NO COLE DE XIANA, CANDO XA TEÑEN SOLUCIONADO O PROBLEMA, BAILAN NA PRAZA MÁIS IMPORTANTE DA CIDADE. ESTE É O RAP QUE BAILAN:
RAP CONTRA O ACOSO

HOXE OS NENOS E NENAS
IMOS REINVIDICAR
QUE NOS NOSOS COLEXIOS
TEÑAMOS SEMPRE PAZ.
SI, PAZ! SI, PAZ!

QUE ALÍ APRENDAMOS
A TRABALLAR E A XOGAR
E QUE SEN VIOLENCIA
POIDAMOS ESTAR.

VEN, BAILA, BAILA, BAILA
E DI QUE NON MOLA, NON!!!
QUE HAXA QUEN ACOSE
NA NOSA ESCOLA.


SE VES QUE HAI ALGUÉN
QUE USA DA VIOLENCIA, HEI!!!
DENUNCIA BEN O CASO
E NON TEÑAS PACIENCIA!

QUEN CALA, COLABORA...
NON CALES, OBRA!
IMPIDE A VIOLENCIA
HOXE, AQUÍ E AGORA!!!.

VEN, BAILA, BAILA, BAILA
E DI QUE NON MOLA, NON!!!
QUE HAXA QUEN ACOSE
NA NOSA ESCOLA.

(Departamento de Orientación- Música)

ESLOGAN DÍA DA PAZ 2010

ESTE É O ESLOGAN QUE DE SEGURO GUSTARÍA A XIANA PARA O MURAL.

17 ene 2010

PRESENTACIÓN DA HISTORIA "A IDEA DE XIANA" PARA E. PRIMARIA

Esta historia axudaravos a comprender algo sobre o acoso. Permitiravos debater na clase sobre o tema.

PRESENTACIÓN "A IDEA DE XIANA" E. INFANTIL

A historia de Xiana vaivos axudar a comprender algo sobre o acoso.

SUXESTIÓNS PARA O ALUMNADO SOBRE COMO ACTUAR ANTE O ACOSO ESCOLAR

CÓMO ACTUAR ANTE UNHA SITUACIÓN DE ACOSO ESCOLAR:

- Denunciar os feitos. Pedir axuda. A axuda pode vir da escola, da familia e de organismos externos. As persoas adultas están para axudar. Contalo á familia e/ou ó profesorado do centro. Poden usarse medios diferentes: unha conversa, unha carta, unha mensaxe por correo electrónico,...

- Hai que contar o ocorrido se se quere solucionar, ás persoas adultas non lles é doado detectar o problema, mantelo en silencio só favorece á persoa que acosa. É moi importante revelar calqueira feito relacionado co acoso. É máis doado entre varias persoas pensar en solucións que respecten os dereitos de cadaquén.

- Non sentirse culpables por sufrir acoso, culpables son as persoas que acosan. Non hai motivos que xustifiquen sufrir unha situación tan inxusta. Tampouco hai que resolver o problema soa ou só.

- Non ter medo a ser cualificadas ou cualificados de chivata ou de chivato, ese calificativo é unha arma en mans de quen acosa para seguir acosando, hai que aprender a contar aquilo que nos dana ou dana a outra xente e a buscar axuda. Quen non denuncia, colabora no acoso.

- Ofrecer protección cando vexamos que algunha compañeira ou algún compañeiro sofre acoso escolar, animar a que conte o que lle pasa ou contalo nós por ela ou por el. Se observamos acosos e non facemos ren, significará que quen intimida se vai crecer máis e vai aumentar o número de víctimas, se non se fai algo, quen agrede pode pensar que aprobamos o que fai. Non podemos permitir que a acosadora ou o acosador quede impune, por iso...

“Non cales, denuncia, axuda. Se ela ou el non pode faino ti”

SUXESTIÓNS PARA AS FAMILIAS AO REDOR DO ACOSO ESCOLAR

O papel das familias, do profesorado e da sociedade é fundamental para combater calquera tipo de violencia. O acoso escolar é un xeito extremo de violencia e é aprendido durante o proceso de socialización no que se aprende a relacionarse e a convivir. Se intervimos adecuadamente poderemos conseguir que non chegue a producirse.
• Cómo evitar condutas agresivo-violentas nas nenas e nos nenos:
- Educar ás criaturas na tolerancia e na crítica á violencia. Indicar fórmulas de resolución de conflitos de xeito pacífico. Non relaxar a educación para a convivencia.
- Respectar a diversidade e as diferenzas no ámbito familiar, traballar para conseguir a superación de estereotipos de xénero, raza, ...
- Fomentar un clima de comunicación familiar que facilite que as nosas fillas e os nosos fillos conten o que lles pase.
- Ensinar dende pequenas e pequenos que non se toleran actitudes violentas, deixarlles ver que non pode agredir, insultar, nin ferir sentimentos doutros nenos e doutras nenas. Non existe xustificación para que peguen, mordan, berren, insulten,… Educar no respecto ás outras persoas. Non xustificar as suús accións en base ao carácter, ao sexo, ao enfado, a idade,
- Indicarlles que hai canles para expresar como se senten sen recorrer á violencia, ensinarlles a poñerse no lugar das demais persoas. É importante que os fillos e as fillas saiban que as nais e os pais non toleran as condutas irrespectuosas e insultantes nas súas relacións con outras nenas e outros nenos.
- Recompensar a amabilidade e as boas accións.Ensinarlles a rexeitar condutas de acoso.
- Potenciar a autoestima, a autonomía.
- Permitir as relacións para que aprendan a relacionarse. Coñecer as súas amizades e potenciar as actuacións en grupos para diferentes actividades (estudo, investigación, xogo,...)
- Actuar de inmediato e con coherencia cando algo lles preocupa
- Colaborar co profesorado para facer un centro máis seguro, axudar a que as nenas e os nenos cumpran as normas do centro, da aula,...
- Educar ós fillos e ás fillas poñendo límites racionais, e normas consistentes e homoxéneas.

• Cómo actuar cando se produce acoso escolar
O acoso escolar é unha situación na o alumnado se converte en víctima por accións negativas repetidas e continuadas (verbais, físicas e/ou psicolóxicas) producidas por algunha compañeira ou algún compañeiro. O acoso escolar é un xeito de maltrato.
- Non confundir acoso con altibaixos nas relacións entre compañeiros e compañeiras ou con violencias esporádicas.

 Se a nosa filla ou o noso fillo é vítima:
- Apoiar, non dicirlle “que non faga caso”, “que non ten importancia”, ”que se enfronte”, ”que se defenda”. Estudar cómo solucionalo conxuntamente. Non subestimar o medo que poida sentir. Dicirlle que non é culpable do que sucede.
- Comunicarse co profesorado e dirección do centro e facilitar tantos datos como sexa posible.
- Non empeorar a situación enfrontándose directamente á familia da persoa agresora.
- Non usar a violencia contra as agresoras e os agresores.
- Implicar a tantas persoas como cumpra para a solución do problema
- Denunciar o caso ante as autoridades educativas e xudiciais de menores, se cómpre.

 Se a nosa filla ou o noso fillo é observadora ou observador dun caso de acoso:
- Asegurarse de que quen observa fale coa familia e co profesorado para que se poida solucionar o problema.
- Facer conscientes a quen observa de que non facer nada significa que quen intimida se vai envalentonar e vai aumentar o número de vítimas. Indicarlles que se non se fai algo, quen agride pode pensar que ten a nosa aprobación polo que fai. Indicarlles que quen non fai nada ao observar un acoso, colabora no acoso.
- Pedirlles que persuadan á vítima de que denuncie o feito a algunha persoa adulta ou que se ofrezan a denunciar o tema se a vítima non se atreve.

SUXESTIÓNS PARA O PROFESORADO PARA LOITAR CONTRA O ACOSO:

O papel das familias, do profesorado e da sociedade é fundamental para combater este tipo de violencia escolar, cómpre estar alerta e poñer en marcha mecanismos adecuados e eficaces. Algunhas propostas que poden axudar son as seguintes:- Analizar a realidade, aceptar os conflitos, non negalos ou minimizalos e buscar fórmulas construtivas de resolución dos mesmos. Ser conscientes da existencia da violencia escolar, a normalización da mesma fai que se agache detrás de palabras como “trastadas”, “cousas de criaturas”, ...
- Manter unha actitude de rexeitamento ante calquera tipo de violencia. Non permitir actitudes desprezativas e agresivas. Persistir nunha actitude de tolerancia cero cara á condutas agresivas de calquera tipo e forma e ter un xeito de comentalas e debatelas na aula..
- Eliminar estereotipos e dar recoñecemento a quen coa súa actitude e traballo favoreza a convivencia, a cooperación, a axuda e a comunicación.
- Favorecer na aula habilidades básicas de escoita, autonomía, respecto, empatía, axuda,...Desenvolver programas para a potenciación da autoestima que eviten que alguen se infravalore e pense que merece o acoso.
- Traballar na aula e no centro cos dereitos humanos, ensinar ó alumnado os seus dereitos e deberes, as suas responsabilidades, os habitos adecuados,….
- Non deixar que o tema da violencia na escola sexa un tema tabú e traballar en mecanismos de prevención.
- Ensinar ao alumnado dende o programa de acollida a responsabilizarse do que ocorre na aula, na escola,..., a aceptar as normas consensuadas, a manter relacións positivas co grupo,... e a rexeitar a violencia.
- Ser conscientes de que se o problema xorde na escola, debe intervirse nese ámbito. Elaborar un mapa de zonas onde se poden producir acosos (autobús, patio,...) e poñer ou facer poñer en marcha medidas para que non se produzan.
- Levar á aula o tema do acoso escolar e realizar actividades que impliquen:
• Ensinar ó alumnado sinais de perigo, etiquetar contextos e condutas. Favorecer que distingan entre condutas violentas en xeral e condutas de acoso. Informar sobre os tipos, circunstancias e fórmulas de acoso escolar.
• Darlles información sobre o sistema de apoio aos que recorrer cara a denunciar os feitos e incidir en que non se sintan culpables polo sucedido. Informar sobre cómo reaccionar e a quen pedir axuda, indicar quen pode denunciar e ante quen.
• Facer ver que o silenciado non se pode solucionar (ter en conta que as vítimas e as testemuñas tenden a silenciar o ocorrido). Insistir para que non sufran/asuman os actos violentos de forma resignada. Indicar a importancia de que o alumnado revele o sucedido.
• Facer ver que o uso da forza e prepotencia non significa ser valorados.
• Desenvolver condutas e actitudes de autoprotección
- Actuar ante calquera sospeita de acoso escolar:
• Recoller datos sobre o feito
• Apoiar á persoa acosada (evitar dicirlle que non faga caso), estudar como solucionar o problema, implicar o maior número de persoas relevantes ó caso.
• Ter en conta que quen acosa acostuma a mentir e/ou xustificar a acción (era unha broma, comezou a outra persoa, díxome que era… e so me defendín,).
• Avisar á familia da persoa acosadora e tomar medidas precisas de acordo co regulamento.

11 ene 2010

FORMAS DE ACOSO

O acoso emprega varias formas:
Exclusión social (ignorar, illar, evitar a participación, marxinar, silenciar, facer baleiro ao redor,…)
Agresión verbal ( insultar, alcumar, espallar rumores, ridiculizar, burlarse, mandar mensaxes …)
Agresión física indirecta (roubar, agochar obxectos, rachar ou estragar materiais,…)
Agresión psicolóxica (ameazar, meter medo,…)
Agresión física directa (facer cambadelas, tirar dos pelos, pintar a cara, empurrar, pegar,sacar a roupa, levantar a saia, …)
Chantaxe (obrigar a facer cousas, coaccionar, extorsionar,…)”

MAIS... QUE É O ACOSO?

“Acoso escolar é unha conduta abusiva que atenta repetidamente contra a integridade psíquica ou física dunha nena ou un neno”
“É unha situación de malos tratos dunha nena ou un neno contra unha compañeira ou un compañeiro e que ten unha duración continuada no tempo"