Esta bitácora foi creada para que as compañeiras e os compañeiros de Xiana poidan aprender que significa o acoso escolar e poidan comentar aquí os casos de acoso que detecten. Ademais aparecerán vídeos, contos e propostas de traballo contra calquera tipo de violencia. Agora é o noso blog con propostas tamén relacionadas coa educación en valores.
O CEIP VILAVERDE AGARDA QUE VOS SEXA DE UTILIDADE
BENVIDA
BENVIDAS E BENVIDOS Á NOSA BITÁCORA. OGALLÁ QUE VOS SEXA DE UTILIDADE.
O XOGO NON DEBE TER XÉNERO: XOGUEMOS
CREANDO IGUALDADE.
O xogo é
para as nenas e para os nenos unha maneira de entender a realidade e apropiarse
dos costumes sociais.
Dende
pequenas e pequenos a familia e o entorno promoven maneiras de actuar e dan modelos
de estar.Podemos facelo en pé de
igualdade ou non.
Se
diferenciamos coa elección da cor do cuarto, da roupa, do tipo de xogos e
xoguetes, estamos promovendo diferenzas futuras. Para ninguén é un segredo que
a familia e os círculos sociais onde nos movemos celebran o nacemento dunha
nova criatura (e mesmo antes de que naza) asignándolle de maneira estándar
formas de vestir, cores de roupa. cores de cuarto, deseños das sabas e
mantiñas, os xoguetes e os peluches,...
Por que azuis para os nenos e rosas para as nenas?
Por que non de moitas cores diversas e variadas en gamas e tons?
Por que coches para uns e bonecas para as outras?
Acaso non levan coches as mulleres, acaso non coidan bebés os homes?
Ás veces semellan pequenos detalles,
pero son eses os que salientan diferenzas e reforzan estereotipos e roles que
implican desigualdades de xénero.
Cos xogos aprenden a imitar ás persoas
adultas, pero tamén aprenden habilidades concretas e potencian determinadas
capacidades. Por que imos potenciar unha parte delas e desbotar outras? Os xogos permiten que aprendan cousas da
realidade, que establezan vencellos co cotiá, que comecen a formar afinidades,
que exploren habilidades motrices, sociais, somáticas, psíquicas e fisiolóxicas...
como impedirlles unha experiencia rica e variada? Por que limitar as
experiencias a uns xogos e xoguetes concretos?
Deberiamos cuestionarnos eses costumes
de diferenciar por cores, por xoguetes, por xogos ... e potenciar o pensamento
crítico, que as nenas e os nenos entendan que non hai cousas para nenas e
cousas para nenos, se non que poden xogar con todo.
Na construción dun mundo máis xusto e máis
igualitario, no que se respecten os dereitos das persoas, a eliminación de
estereotipos de xénero é fundamental.
Pretendemos unha sociedade de corresponsabilidades
no fogar e fóra, como podemos entón pedirlle a unha nena que non xogue con
coches, ferramentas, bloques de construción? como pedirlle a un neno que non
manexe a cociñiña, vista unha boneca, faga compras...? como podemos solicitar a
unha nena que non xogue ao fútbol e a un neno que non faga ximnasia rítmica? Todos
os xogos e xoguetes proporcionan habilidades, desenvolven creatividade, axudan
a comprender as funcións das cousas,...
A sociedade cambia e os roles a desenvolver son
válidos para todas e todos, como pedirlle ás nenas e aos nenos que non
interactúen cos diferentes obxectos e prácticas sociais?
O xogo permite vivenciar situacións do cotiá, recoñecer o
mundo, explorar de diferentes maneiras o espazo, o tempo e os obxectos, Cada
xogo e cada xoguete ten as súas características e privar ás nenas e aos nenos
dalgún deles significa cortarlles un cacho de experiencia, estimulación e
exploración necesarias para vivir no mundo actual.
As nenas e os nenos non teñen prexuízos ante
obxectos, xogos e xoguetes, somos as persoas adultas as que caemos na trampa
dos prexuízos e ensinamos erroneamente que determinado xogo ten que asignarse a
un sexo específico; somos as adultas e os adultos que de maneira coercitiva
acoutamos a exploración das súas habilidades para un xogo ou outro. Temos un
papel fundamental na construción da identidade das nenas e dos nenos, somos nas
súas aprendizaxes o pivote que permite e acompaña as súas diferentes
experiencias lúdicas, a exploración do medio, as fantasías, as inquedanzas, os
desexos, as investigacións, as lecturas, ...
Co xogo buscan diversión pero tamén aprendizaxe,
por que non aprender a ser iguais dende a infancia?
Evitar estereotipos dende pequenas e pequenos axuda
a unha vida adulta máis igualitaria.
ADEMAIS DAS NOVAS DE PRENSA QUE ESTES DÍAS NOS ACHEGAN DATOS E FEITOS, PODEMOS USAR NA CASA COAS NENAS E COS NENOS CONTOS, IMAXES,... E VÍDEOS.
ESTE PERMITE QUE DIALOGUEMOS SOBRE A TEMÁTICA NA CASA E NAS AULAS.