Cando as nenas e os nenos comezan na escola despois dunhas vacacións, case sempre custa que volvan ás rutinas e hábitos.
Normalmente isto dura uns poucos días (nos que amosan cansazo, irritabilidade, desatención,...) pero retoman case todo onde o deixaran.
Este setembro regresarán despois dun período máis longo de ausencia e probablemente haberá rutinas novas, diferentes ás que xa coñecían (como distanciamento, emprego de elementos diferentes de hixiene, evitar compartir útiles, precaucións ao tusir,...). Tardarán algo máis en volver á rutina
Con que nos podemos atopar?
- Rexeitamentos ao ter que erguerse cedo.
- Medo a enfrontarse a algo invisible do que toda a xente fala.
- Resistencias ao cambio nas rutinas que estiveron tendo na casa o último trimestre e durante o verán (case seis meses!): horarios de sono, de comidas, de traballo, ...
- Inseguridade
Que deberiamos facer?
- Falar do COVID 19 con naturalidade, sen asustar. Poden empregarse contos e audiocontos, hai varios na rede e nos blogs do colexio ao noso alcance.
- Axudar a xestionar as emocións con debuxos, historietas, charlas distendidas,...
- Comentar (e ensaiar) tan pronto se coñezan as medidas de precaución e prevención que se deberán poñer en marcha . Rutinizar tamén nas vacacións aquelas medidas de hixiene que xa son norma: lavado correcto e frecuente de mans, evitar tocar cara, saber poñerse a máscara, aprender a agardar para entrar nos espazos onde hai moita xente, tusir tapando a boca co brazo, gardar distanza...
- Tentar con calma e serenidade que acaden as autonomías propias da idade para que non lles supoñan un obstáculo na súa adaptación.
- Ao redor de 10 días antes do día de inicio na clase, ir adaptando ás nenas e aos nenos ao novo horario, non deixalo todo para os últimos días. Regular a hora de deitarse, o tempo de sono, as rutinas de erguerse, o tempo de comidas, etc... Adaptarse paseniño ao horario escolar, falar das rutinas que teremos, anotalas conxuntamente se cómpre nun cadro semanal adaptable á idade delas e deles.
- Falar en positivo do colexio, do que van aprender, dos reencontros,... Contar anécdotas propias divertidas e agradables sobre o tempo de escola.
- Manter conversas sobre a escola, sobre o que aprendeu nela, sobre o que lle gusta e o que non. Motivar cara á aprendizaxe.
- Non transmitir as nosas preocupacións sobre o que pasará ou non, sobre as novidades que poida haber, sobre o profesorado que terá, ... Evitar falar da preguiza que nos produce o cambio de horario, o ter que levalas ou levalos ao colexio,... Evitar a negatividade. Transmitir ilusión pola aprendizaxe.
- Dar confianza e apoio, sen sobreprotexer. Podemos axudar a que o vexan como un reto que imos superar. Escoitar os seus medos, dúbidas, preguntas e tentar falar sobre iso con calma. Podemos ler historias sobre “ir á escola” , hainas variadas e mesmo divertidas.
- Establecer hábitos de estudo. Falar en familia das normas de uso de internet, móbil, tablet, tele,... que sexan adecuadas para que non interfiran eses medios no traballo escolar e nas rutinas adecuadas.
- Preparar conxuntamente o material escolar de acordo coas normas que o colexio indique, adecuarse ás suxestións sobre tamaño, cantidade, ... Ter presente que pode haber cambios de acordo coas medidas de prevención e seguridade que establezan as autoridades educativas de cada comunidade autónoma. Non mercar mochilas ou materiais que despois non poderán usar e que suporán un desgusto e unha decepción.
- Revisar os blog do curso pasado. Comentar o que fixeron.
- Ir ata o colexio dar un paseo para coñecelo se é a primeira vez que vai a el ou/e ver se hai cambios no entorno, observar o patio,... comentar cal é o edificio no que previsiblemente estará a súa aula,.... Repasar como chegar (pode usarse plano e medios dixitais para situarse).
- Consensuar o día anterior a comezar a roupa que porán.
- Erguerse con tempo suficiente de acordo coas características de cada nena e cada neno (hai quen o fai rápido, quen amosa moita autonomía, quen lle custa espertar,...), nada é peor que andar con présas e/ou chegar tarde, ... Non hai escusas adecuadas que xustifiquen ese hábito inadecuado. Almorzar ben e con tempo, o almorzo é unha das comidas máis importantes do día e daralles a enerxía suficiente para comezar e levar a mañá.
- Ver as posibilidades de acompañamento á escola nese primeiro día dependendo da idade. Levalas e levalos puntualmente para que se integren adecuadamente dende o primeiro día e recollelas e recollelos tamén con puntualidade.
- Proporcionar merendas saudables e adecuadas (en calidade e cantidade) á idade.
- Poñerse cada día un tempo para repasar o sucedido na escola, repasar as tarefas, ver a axenda e o blog... Crear un espazo e un tempo (adaptados á idade e características das nenas e dos nenos, non ten por que ser moito) para as rutinas de estudo na casa.
- Atopar tempos para gozar conxuntamente das afeccións e gustos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario